É posible mediar con axentes plurais?, é recomendábel?, estamos en disposición de poder implantar programas de mediación social con éxito?.
Son moitos os interrogantes que se cernen ante o cambio de paradigma que a mediación supón. Cambio que non só afecta aos órganos xudiciais, ou máis amplamente á Administración de Xustiza, senón tamén, e moi especialmente, á cidadanía.
O devandito cambio de paradigma, quedará como noutras ocasións, para o debate académico ou para unha utilización residual, senón se afonda nun dos piares que sustentan a resistencia fronte á mediación. A litixiosidade inherente á nosa cultura, tan graficamente plasmada no ideal gañar-perder, a mentalidade intrínseca á esa cultura supón un dos obstáculos máis evidentes á implantación de programas de mediación. Entendendo, que a mediación é un proceso necesariamente voluntario, todas as ferramentas que coadxuven á súa difusión, que incentiven o seu uso, que promocionen as súas vantaxes...todas, sen excepción, serán fundamentais para conseguir un cambio de paradigma, non nominal, non publicitario, o que nos interesa o cambio real.
A socioloxía urbana en Galiza, aconsella cada vez máis a adopción de medidas de prevención da conflitividade social e máis concretamente, da veciñal. Poucos son os ámbitos onde a mediación pode despregar con maior probabilidade de éxito a toda a potencialidade.
O caso de Santiago de Compostela, onde se está a deseñar un programa de mediación social, cun tecido asociativo vertebrado e moi activo, resultará decisivos en Galiza para a xeralización deste mecanismo no ámbito municipal.
Resultan innegábeis os riscos, mais tamén son innegábeis as vantaxes. Do apoio institucional e da implicación dos axentes sociais dependerá en moi boa medida as posibilidades de éxito.